“O español é o primeiro exército europeo que bombardea con gas tóxico desde o ar á poboación civil”

0
234

O historiador Dionisio Pereira vén de publicar ‘Galegos nas Guerras do Rif. Paisaxe bélica e imaxinario anticolonial (1860-1927)’, onde nos conta da presenza galega no que aquí chamamos as Guerras de África.

Dionisio Pereira [Revista Murguía]
Dionisio Pereira fai unha defensa do protagonismo da xente do común do Rif, “quer polos seus sufrimentos, quer polo seu protagonismo nunha loita de liberación nacional que foi exemplo para xente como Ho Chi Minh ou o Che Guevara”.

– Ti mesmo vives no Rif, perto de Al Hoceima. Como quedaron estas guerras no imaxinario colectivo dos propios rifeños?
– A visión que teñen é máis que nada oral, porque os textos escritos no Rif comezan a xurdir nos anos 90, e en idiomas alleos: en francés, español, árabe, e hai pouco que empezaron a aparecer textos en tamazigh, é dicir, o idioma propio dos bereberes, para entendernos. É unha visión basicamente oral, que aparece moito nos cantos das mulleres, izran, e nos contos, na memoria colectiva das familias.

– Como o recordan?
– A través de dúas facianas: unha terrible, porque foi un conflito demorado de 1859 até 1927, con catro guerras, con periodos moi intensos de contenda e as máis duras son de 1921 ao 27. Son case 60 anos en guerra, e o número de vítimas pódese achegar á sétima parte da poboación do Rif: incluíndo homes, mulleres e nenos, tanto combatentes como civís. Cada familia ten memoria de varios membros, tanto nos enfrontamentos como cos bombardeos indiscriminados que os españois fixeron contra a poboación civil. Por outro lado, con un certo orgullo, que foi incorporado á súa identidade como pobo, que se personaliza na imaxe e lembranza mítica do líder da rebelíón rifeña, Abd el Krim, contra a intervención colonial española. Dúas facianas: sentimento da dor, e ssentimento de orgullo.

– É difícil cuantificar cantos galegos participaron?
– Si, porque tamén é difícil cuantificar cantos españois o fixeron. Hai traballos moi rigorosos que non adiantan cifras fiables. Tense falado que por momentos o número de soldados españois superou os 300.000. Son centos de milleiros, e dos galegos igualmente. Pero un alucina cando falando destes temas, todo o mundo me di: “ah, si, teño un tío avó…” Todo o mundo tivo algúen na familia que tivo a mala sorte de ir…

Ademais do sufrimento, o pobo lémbrao coun certo orgullo, que foi incorporado á súa identidade como pobo, que se personaliza na imaxe e lembranza mítica do líder da rebelíón rifeña, Abd el Krim, contra a intervención colonial española.

– Eu un avó. 
– Con moita xente me pasou. Neste intre non podemos sabelo. Só podemos falar de moitos milleiros de galegos.

– Como foi a resistencia rifeña?
– Afouta, porque é unha resistencia mal armada ao principio até 1921, coa desfeita española cóllenlle moitas armas, mesmo artillería, pero antes os rifeños tiñan armas de contrabando basicamente. É un pequeno país de como moito 800.000 habitantes, imaxina o que supón ser invadido por un exército regular, que por momentos superou 300.000 soldados. Foi unha resistencia durísima, moi violenta, moi ben descrita. Foi unha loita impresionante, porque un pequeno pobo, sen cidades, vivindo todo o mundo en pequenos vilares mantén en xaque durante case 70 anos a un país europeo como España, que ten un exército regular armado até os dentes. E só é posible dobregalos cando atacan con brutalidade con aviación, como artillería e a utilización, que hoxe está totalmente demostrada, da guerra química. A partir de 1923 a 27, só con esta violencia extrema o logran. O español é o primeiro exército europeo que bombardea con gas tóxico desde o ar á poboación civil. Antes hai na I Guerra Mundial pero en terra, desde artillería, en principio sen afectar á poboación civil. Pero os españois son os primeiros en facelo con poboación civil, aínda que se cadra compartindo ese título ao mesmo tempo que os italianos en Libia e os ingleses en Iraq neses anos. Pero eles son os primeiros que o fan de maneira intensiva e indiscriminada. Cando falamos de guerra química, que non só afecta ás persoas, senón tamén a animais, prantas e terra.

– Pasando xa a falar dos galegos que combateron alí, as fontes que citas din que galegos e rifeños eran os únicos que bailaban e cantaban na guerra. 
– Son cousas que chaman a atención, porque están recollidas por diversos autores, desde Paz Andrade até Benchosey, até mesmo Ramón J. Sender, que fai referencia a un episodio deste estilo. Debeu ter certa relevancia cando o recolleron persoas e medios moi distintos. Os galegos explicitan, ao igual que cataláns e vascos, que hai identidades complexas de difícil integración no exército español e que se manifestan no caso dos galegos mediante a música e a danza. É un tema interesante e estas fontes tamén contan que hai certa afinidade cos rifeños que loitan do bando español. Hai unha certa confluencia, por utilizar unha palabra moi de agora.

Ramón J. Sender recolle unha controversia entre soldados non galegos e galegos, cando estes se dedican a tocar a gaita, e é cando un deles di que el pon a man no lume de que os galegos non son españois

– Aí é cando Ramón J. Sender di aquilo de que os galegos non teñen nada que ver cos españois. 
– El recolle precisamente unha controversia entre soldados non galegos e galegos, cando estes se dedican a tocar a gaita, e é cando un deles di que el pon a man no lume de que os galegos non son españois. No libro de Sebastián Balfour, nun libro importantísimo sobre este tema, plantexa esta existencia de identidades complexas “e potencialmente confrontadas” no exército español. Isto reflicte que, malia que no exército español era obrigatoria unha visión supremacista da cultura hispana. Un dos indicios dánolo Ánxel Casal, que di que un dos mercados máis importantes do libro galego nos anos 20 era a Guerra de África. Iso quere dicir que eles seguían utilizando o galego, e mesmo Dieste, Segade e Villar fan unha revista escrita a man enteiramente en galego que se chama ‘Charamuscas’ que dalgunha maneira lle serve a eles como unha especie de retiro espiritual galaico, ou de confraternización identitaria con outros compatriotas.

– Tamén comentas que desde os sectores galeguistas a penas houbo oposición a esta guerra. 
– Houbo unha posición máis matizada do que foi no caso catalán e, sobre todo, do caso vasco. Por parte das diferentes correntes do incipiente nacionalismo galego, hai algún caso, como o de A Nosa Terra, con unha visión tremendamente moderada, case metropolitana diría, crendo na superioridade civilizadora e bélica por parte dos españois, e mantendo unha especie de autismo, até que os efectos lles obriga a tomar un posicionamento contrario. Logo hai individualidades, como Manuel Antonio, cun ideario nacionalista anticolonial, como Vilar Ponte, con fasquía anticolonial, antiimperialista e antibelicista. En contraposición co posicionamento doutros como o seu irmán Antón, Blanco Torres ou Risco, que van desde o abandonismo, máis que nada polo mal que vai, até un tépedo rexeneracionismo español, como gastamos nisto cando precisamos estradas e universidades. No caso de vascos e cataláns o posicionamento é moito máis radical. Aberri plantexa unha visión anticolonial, unha posición tremendamente avanzada naquel momento. Os cataláns teñen unha visión máis neutral, no sentido de que eles non querían participar “na guerra dos outros”, vaia mal ou ben.

Ánxel Casal di que un dos mercados máis importantes do libro galego nos anos 20 era a Guerra de África.

– O propio Manuel Antonio criticou duramente a Dieste por ir á guerra. 
– El teno moi claro pero Dieste non a tiña. Teñen unha tremenda lea, Manuel Antonio dille: “Fuxe ou faite soldado de Abd El Krim”. E Dieste desconecta diante dunha situación que el non pode evitar, dalle a razón, síntese avergoñado pero non ten forza suficiente para desertar. É unha situación tráxica que está detras de varios silencios de persoeiros da cultura galega. Chama a atención que tanto Dieste como Otero Espasandín, como Brea Segade, Álvarez Gallego ou Amado Villar practicamente non fagan referencia á súa experiencia bélica. Non foron quen de safar, e chegaron a facer cousas que nunca imaxinaran. De aí entendo eu eses silencios. A guerra rifeña deu lugar a moi poucas achegas literarias, di Balfour.

– En Galiza tamén se escribiu pouco. Paz Andrade comezou a escribir unha novela pero non a rematou. 
– Tiven que traballar en condicións complicadas, porque onde eu resido non hai nin biblioteca pública. Escribiuse pouco e estes tres cronistas que elixin pola súa importancia na cultura galega e pola repercusión na sociedade galega: Paz Andrade, Benchosey e Mesejo Campos.

– Ademais esta guerra tivo outra consecuencia terrible: consolidar o liderado de Franco nas forzas armadas españolas. 
– Balfour conta de forma maxistral como a Guerra Civil española non se explica sen o ascenso dos militares africanistas a todos os niveis: condicionando o poder político e facéndose indispensables e aparecendo como salvadores da patria. Ese enlace entre a Guerra Civil e as guerras do Rif vese con moita claridade.

R. Castro (SERMOSGALIZA.GAL)

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here